Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta incoará mañá a declaración BIC da Casa Cornide, que supón a súa protección integral e inmediata


O DOG publicará este luns a resolución coa que inicia os trámites e aplica o réxime de tutela provisional previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia

Afecta a todo o edificio e, de forma cautelar e preventiva, ás partes integrantes e pertenzas ata que se teña acceso ao interior para completar a valoración

Conta cos informes favorables do Consello da Cultura Galega, a RAG e a Universidade da Coruña, as tres institucións consultadas nos traballos previos

A Xunta de Galicia incoará mañá luns o procedemento para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, na Coruña, o que supón a súa protección inmediata e integral. Será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e conta cos informes favorables das tres institucións consultadas na tramitación: o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega (RAG) e a Universidade da Coruña. O último deles foi achegado na primeira semana de maio. A Xunta axiliza así ao máximo esta declaración tras ser solicitado en novembro polo Concello da Coruña.

A incoación do expediente supón aplicar de forma inmediata e provisoria -ata a súa aprobación definitiva nun prazo máximo de dous anos seguindo a lexislación- a protección integral a todo o edificio situado na rúa Damas número 25 da cidade da Coruña e aplicalo tamén de forma cautelar e preventiva ás partes integrantes e pertenzas ata que se teña acceso ao seu interior e se poda completar a súa valoración.

Como se indica no expediente, a documentación elaborada para o estudo do valor cultural do interior non puido completarse cunha información recente, pero realizouse a partir da información, documentación, fotografías e hemeroteca que se incorpora e analiza no estudo promovido polo Concello da Coruña. En virtude da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, o expediente especifica que todos estes elementos tamén quedan provisionalmente protexidos á espera de poder acceder ao interior e completar ou reducir esa protección.

Á hora de valorar como Ben de Interese Cultural a Casa Cornide considérase como un monumento de carácter sobranceiro e exemplo da arquitectura residencial da época da Ilustración en Galicia, que ademais está relacionado coa residencia dunha das máis destacadas personalidades en Galicia e en España do Século das Luces, o polígrafo coruñés José Andrés Cornide Folgueira e Saavedra. Tamén se ten en conta que ocupa un lugar de relevancia e moi significativo da Cidade Vella da Coruña, preferente e de gran significación ao presidir, coa igrexa de Santa María del Campo, o adro da Colexiata.

Valores históricos e arquitectónicos
Considérase a casa dos Cornide como símbolo do poder señorial que reúne valores históricos e arquitectónicos e sobresae pola súa singularidade ao fusionar certo carácter militar, os seus elementos barrocos e o seu carácter cosmopolita propio da arquitectura da primeira Ilustración. Fálase tamén da súa excepcionalidade artística no contexto arquitectónico coruñés e mesmo no galego e valórase que se sitúe nun lugar privilexiado dentro do contexto urbano da Cidade Vella da Coruña, preferente e de gran significación. Ao mesmo tempo, tense en conta esta posición predominante que se acentúa pola súa proximidade a outros edificios de carácter representativo: o vello edificio das Casas Consistoriais, o Palacio da Audiencia, a praza do convento das Bárbaras, a igrexa conventual de Santo Domingo e o antigo palacio dos marqueses de Montaos.

A Casa Cornide é un edificio nobre de estilo tardobarroco, cosmopolita e francés, sen apenas precedentes en Galicia no que viviu José Cornide en varios períodos, como herdeiro da propiedade onde dedicou unha inxente e prolífica labor investigadora, ata a súa marcha a Madrid en 1789 para dedicarse de pleno á Real Academia da Historia. Nesta Casa Cornide acumularía grande parte da súa biblioteca e desenvolvería parte das súas investigacións cargos públicos e académicos. Desde entón pasou por sucesivos posuidores como Pedro Barrié de la Maza ata a Familia Franco.

Elementos singulares
Entre os seus elementos singulares destacan a reixaría que recolle a influenza de modelos galos e completan o significado estético da fachada coa súa presencia en todos os ocos, reforzando así a importancia da casa. As carpinterías, xanelas e escudo tamén son valorados de xeito explícito no expediente. No caso concreto deste último trátase dun escudo señorial orlado que presenta as armas dos Cornide.

Na actualidade, o estado xeral de conservación do edificio é bo, con pequenas alteracións en puntos concretos e relacionados con patoloxías puntuais que están profusamente documentadas nos informes elaborados polo Concello da Coruña, que así mesmo recollen recomendacións para a súa conservación, análises e documentación gráfica sobre o monumento. O feito de non ter acceso ao interior da vivenda impide facer unha valoración completa do estado de conservación actual do inmoble, mais aló do que se evidencia desde o exterior, que permanece sen grandes cambios aparentes en relación á súa última reforma, segundo se recolle na documentación descritiva achegada polo Concello da Coruña.

Para completar e precisar o alcance da protección e definir os espazos e sistemas construtivos á totalidade dos bens existentes no interior que constitúen xunto a este unha unidade singular, durante o procedemento de declaración de ben de interese cultural, o persoal técnico designado pola da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural deberá acceder ao seu interior para a súa completa documentación e determinar a súa relación co monumento e os seus valores culturais.